CM Stores & Innovative Business SLU | Economía - O Xornal de Lemos (XdL)

26.04.2020

Economía - O Xornal de Lemos (XdL)

"Non se pode mercar máscaras a 1,20 e vendelas a 0,96 euros", Diego Villar

O CEO de Comercial Mida, en Taboada, cóntanos como aumentaron por catro o volume de traballo e que de momento non están a pedir máis máscaras mentres o Goberno non cambie a política de prezos máximos e os provedores non axusten o custe das mesmas. Con el reflexionamos tamén sobre a dependencia de China no mercado internacional.


Chamamos a Diego, que nos atende ao outro lado do teléfono en Barcelona, moi preto da Sagrada Familia. Si, en Barcelona, a empresa está en Taboada pero el vive na cidade condal sen perder para nada o contacto coa actividade económica da mesma e facendo o seu traballo en remoto. Esta é unha das vantaxes dos avances nas telecomunicacións que, hoxe máis que nunca, estannos convencendo de que o teletraballo veu para quedar. Aínda que está dacabalo entre Taboada e Barcelona, no que levamos de corentena está confinado na casa e está a traballar a pleno rendemento sabendo todo o que se fai na sede social e almacén de Taboada.

A EMPRESA ESTÁ EN TABOADA PERO DIEGO VIVE NA CIDADE CONDAL SEN PERDER PARA NADA O CONTACTO COA ACTIVIDADE ECONÓMICA DA MESMA E FACENDO O SEU TRABALLO EN REMOTO

Cóntanos, falando de como lles vai o negocio en tempos de COVID19, que o volume de traballo multiplicouse por catro, "unha loucura o que está pasando estes meses, xa imos aumentando cada ano pero dende o coronavirus isto disparouse". E non só en material sanitario se non que tamén subiron as vendas en produtos de xardinería, relacionados coa gandería, a agricultura e o mundo mascota. Tanto é así que tiveron que contratar a seis persoas só para poder darlle saída aos pedidos no almacén.

Como sempre, as oportunidades veñen da man das crises, e abofé que este é un caso. Benvido sexa se afecta positivamente á dinamización económica dun concello como Taboada, no que precisamente non sobran iniciativas nin postos de traballo.


O NEGOCIO DAS MÁSCARAS

Sacamos o tema das máscaras, artículo do que non se para de falar estes días, e Diego confírmanos que dende hai un mes aproximadamente xa non teñen, só lles quedan as reservadas para uso do persoal da empresa. E non teñen intención de pedir máis mentres non cambie a política de fixación de prezos máximos que acaba de anunciar o Goberno. Teno claro, "non se pode mercar máscaras a 1,20 e véndelas a 0,96 euros". Segundo el, "por debaixo dese importe ninguén nos facilitou prezo e se os provedores non baixan o custe de compra non hai marxe, e sen marxe as empresas non podemos funcionar". Respecto ao mercado internacional en produtos como as máscaras Diego pensa que os grandes provedores internacionais, con esta política de prezos actual en España que leva a 'mercar a perdas', van intentar colocar os produtos en países onde os prezos non estean regulados. E só se teñen dificultades para darlles saída rebaixarán o prezo para colocalos no noso país. Unha situación que, de producirse, pode provocar desabastecemento.

"NON SE PODE MERCAR MÁSCARAS A 1,20 E VÉNDELAS A 0,96 EUROS"

En relación a outros produtos sanitarios como os xeles hidroalcohólicos, Villar di que están vendéndoos por debaixo do prezo de custe. Están vendendo a 2,10 cando eles mercan a 2,39. A idea é darlle saída igual a todo ese material que teñen almacenado.

Respecto á fixación de prezos máximos do goberno nestes produtos sanitarios, se ben é certo que era necesario para evitar especulación e prezos abusivos para o consumidor, este empresario entende que iso está ben pero tamén cre que os políticos "non coñecen exactamente o mercado, non saben como funciona e os prezos actuais non permiten a venda, non se pode vender a perdas", e engade "regulación si, pero con cabeza, con marxes de beneficio e non con prezos máximos".


O MERCADO CHINO

Preguntámoslle tamén polos provedores de Comercial Mida e se a dependencia económica de China vai cambiar coa crise. Diego explícanos que os seus provedores son nacionais e recoñece que o 80% deles importan en China. Sobre a dependencia do xigante asiático afirma que aínda vai ser maior despois desta crise.

"A FALTA DE VACINA, EUROPA NON ESTÁ PREPARADA PARA SUBMINISTRAR"

"Se todo é o que parece, eles xa están saíndo da crise e con capacidade de produción case total. A nivel europeo non estamos preparados para subministrar o que fai falta no fin do confinamento", e remata cunha sentencia "a falta de vacina, Europa non está preparada para subministrar".


OUTRAS LIÑAS DE NEGOCIO

Deixando de banda os produtos sanitarios, esta empresa de Taboada tamén ten un amplo abano de posibilidades en xardinería, agro e mascotas. O comezo da primavera, momento no que hai que ir preparando os xardíns e empezar a sementeira na horta, estalles axudando tamén a aumentar vendas e envíos. E que dicir de situacións como o confinamento con establecementos pechados ao público, momento propicio para que a venda de produtos para mascotas medrara de forma significativa.

Diego Villar confírmanos, en definitiva, que a corentena fixo aumentar as vendas en xeral. Que estes máis de 40 días foi espectacular, e dinos tamén que o bo posicionamento, estar no lugar e no momento oportuno xunto cun bo servizo ao cliente axudaralles a consolidarse.