Comercial Mida | A Revista Fin de Semana - Televisión de Galicia (TVG)

05.10.2019

A Revista Fin de Semana - Televisión de Galicia (TVG)

DE TENDA DE PRODUCTOS AGRARIOS DE TODA A VIDA A EXEMPLO EXITOSO DE COMERCIO ELECTRÓNICO

Así foi o salto que deu este negocio de Taboada que xa alcanza os 50.000 clientes e que atende milleiros de pedidos a través de plataformas como Amazon ou eBay. E soubo adaptarse conservando o seu nome e sen renunciar á súa esencia.

Silvina Domínguez, encargada de vendas: "No comercio electrónico é moi importante todo o tema das valoracións porque é o que pode chegar ao cliente para saber quen es ti, se o fas ben ou se cumpres. Iso levounos a ter excelentes niveis de valoración como os que temos a día de hoxe, tanto na nosa propia web coma nas plataformas coas que traballamos".

De ano en ano, Comercial Mida duplica a súa facturación grazas ás vendas en liña. Ao peche deste exercicio prevé facturar medio millón de euros, que é practicamente o dobre da contía acadada en 2018 e a metade da riqueza que prevé xerar o ano vindeiro. Bruno Carreira, encargado de mercadotecnia: "Por un lado, temos produtos cos que non moita xente está a traballar agora mesmo. Tamén hai que ter en conta que estamos nun sector que non está moi expandido a nivel de Internet. Xogamos con esa baza".


Cun catálogo con decenas de miles de referencias, esta empresa punteira de Taboada crea novos postos de traballo e fixa poboación no rural.